Mente confinada? Baños de Bosque: turismo de natureza e coronavirus

In: Amarelas A:

A realidade non deixa de sorprendernos. Quen nos ía a dicir a comezos de ano que viviríamos unha situación como a actual!?

Neste estado de incerteza, inseguridade, desacougo... polo devir dos acontecementos a nosa maneira de facer as cousas está cambiando. Pero todos temos unhas necesidades básicas e fundamentais. Se seguimos a Max-Neef, entre outras, temos a necesidade de subsistencia, de afecto, de participación, de lecer e de liberdade.

E como imos a facer para cubrilas no panorama actual?

Pois a creatividade sempre vai a ser unha boa aliada, pero aquí vos propoñemos unha experiencia moi especial que nos permitirá abordar diferentes retos actuais tanto persoais (benestar persoal, ocio, coñecemento...) como medioambientais.

“Os baños de bosque”

Pero antes falemos do bosque.

O bosque

Aínda que sone moi evidente, o ideal para facer un baño de bosque é facelo nun bosque, a pesar de que existen outras posibilidades. Os bosques de por sí, xa son imprescindibles para o noso benestar. Entre outras cuestións, entran en xogo a biodiversidade que albergan, a nutrición e fixación do solo que realizan as árbores, así como a purificación do aire que fan as árbores absorbendo o C02, proporcionan alimentos... Ademais supoñen espazos naturais onde os niveis de contaminación son menores e existen aceites esenciais no entorno provintes das árbores polo que un simple paseo por el pode ser moi beneficioso.

A pesar da importancia clara que teñen os bosques, a realidade é que o 17% das emisións de dióxido de carbono derívase da deforestación e que o lume arrasou o ano pasado en España case 58.000 hectáreas de terreo e mais de 460.000 ha, dende 2001, en Galicia. (La Voz 2019).

Os motivos desta perda de espazo forestal son moi diversos e complexos, pero quedémonos coa idea, da necesidade de preservar os bosques para a nosa supervivencia e benestar.

Baño de bosque. “Novas” maneiras de facer.

O baño de bosque trátase dunha práctica nipoa que ven de antigas costumes budistas e xintoístas. Trátase dunha experiencia de conexión coa natureza a través dos cinco sentidos, somerxerse nas sensacións que o monte ofrece a quen ten curiosidade e está atento/a.

Para realizar esta inmersión consciente e respectuosa no entorno existen diferentes metodoloxías que combinan paseos, respiracións, meditación, visualizacións... Un baño de bosque esperta os sentidos e conéctaos co entorno!

Isto pódese facer de maneira individual ou cun/ha guía forestal profesional que nos axudará a establecer esa conexión de maneira máis eficaz e profunda.

A Axencia Forestal de Xapón acuñou esta práctica baixo o concepto de shinrin-yoku, que significa “absorber a esencia do bosque” (BBC, 2017).

En Xapón a planificación forestal realízase de maneira centralizada pola Axencia Forestal Xaponesa (Grupo de Estudios Ambientales, 2008). Esta axencia designou case cincuenta espazos boscosos como centros de terapia forestal e ten previsto, segundo a BBC, aumentalo ata cen na vindeira década. Volvemos a ver como se pon de manifesto a importancia do monte para o ser humano. Pero a que niveis?

Beneficios dos baños de bosque

Persoais

Os baños de bosque posibilitan unha serie de beneficios relacionados principalmente con acadar un estado de relaxación. Este proceso de conexión coa natureza e con un mesmo a través dun estado de calma e concentración, pode incidir en diferentes aspectos físicos e psicolóxicos que están directamente relacionados co estrés e cos procesos hormonais asociados. Algún destes procesos poden ser por exemplo:

  • Fatiga

  • Cansancio

  • Ansiedade

  • Dificultades para conciliar o sono.

  • Hipertensión

  • Molestias gástricas

Ante isto queremos deixar moi claro que un baño de bosque non substitúe a ningún medicamento, nin indicación médica. É unha experiencia que serve para baixar os niveis de estrés, proporcionar unha sensación de serenidade e benestar.

Por outro lado as sensacións que se experimentan sempre serán diferentes para cada persoa e, así mesmo, tamén o serán en cada momento que o realice. Este feito fai que os baños de bosque sexan fonte inesgotable de vivencias, porque o monte está en continuo cambio ao igual que os nosos corpos e mentes.

Medioambientais

Existen diversas maneiras de protexer os espazos forestais, dende Amarelas estamos convencidas de que unha diversificación planificada e respectuosa dos usos do monte é unha saída para os retos que se presentan neste eido. Neste sentido, recuperar o contacto co monte a través de este tipo de actividades supón unha oportunidade para mellorar a situación destes ecosistemas e para mellorar a nosa calidade de vida.

Convidámoste así a converter o teu tempo libre nun tempo de calidade, cheo de beneficios, que desconfinará a túa mente! O bosque, o lugar onde vive “el reparador de sueños” , como advertía Silvio R. , agárdate para que regalarche benestar!

Se paseas pola nosa web poderás acceder a esta actividade que se realiza en diferentes bosques senlleiros cunha guía certificada! Desfruta e somérxete na natureza galega!

Comentarios

Deja tu comentario